fbpx

Estas son as 9 vantaxes de pensar o interiorismo como estratexia gañadora

Propúxenme facer un exercicio de reflexión, para pór negro sobre branco cales son as verdadeiras vantaxes do interiorismo cando este é de verdade. É dicir, cando se pensan os espazos de maneira estratéxica, e non só en función da decoración e o efectismo.

Temas

Hai uns días charlaba cunha amiga sobre os últimos proxectos que estou a realizar e confesábame, medio de broma (e medio en serio, por tanto), que non acababa de comprender que vantaxes tiña recorrer a profesionais do interiorismo como eu. En fin: que o que eu lle contaba resultáballe interesante, pero que, en xeral, todo o tema do interiorismo parecíalle un pouco “de boca para fóra”.

Recoñezo que a confesión me pillou co pe cambiado. Porque non todos os días unha ouve que o seu traballo non vale para nada. Pero entón decateime de que ela non estaba a dicir exactamente iso. O que estaba a dicir era que non sabía (velaí o importante) para que serve. E é normal.

Xa o comentei noutras ocasións. As e os profesionais do interiorismo explicámonos pouco e, en xeral, mal. O resultado é esa imaxe de superficialidade, de divas, de capricho. E para que serven as divas? Pois para nada, efectivamente.

Así que me propuxen facer un exercicio de reflexión, para pór negro sobre branco cales son as verdadeiras vantaxes do interiorismo cando este é de verdade. É dicir, cando se pensan os espazos de maneira estratéxica, e non só en función da decoración e o efectismo. Isto non é unha resposta só para a miña amiga, porque son consciente de que hai moitas persoas que pensan similar. Así que aí vai. Dentro decálogo! (Ou case)

1. Achega funcionalidade

O interiorismo tal como eu o concibo é un traballo que analiza os espazos para sacar todo o proveito posible deles. É dicir: tratamos de gañar en funcionalidade e operatividade. Ademais, beleza e funcionalidade non están enfrontadas, senón que son dous conceptos entretecidos. Canto máis funcional é un espazo, máis bonito.

Pensémoslo por un intre: pode ser bonito ou agradable un espazo que nos está a incordiar todo o tempo? Podemos sentirnos á vontade nun lugar onde nos é difícil movernos ou onde non podemos facer o noso día a día? Está claro que non. Se a “beleza” que procuramos existise separada da funcionalidade, todo o mundo viviría nun cadro de Mondrian ou de Maruja Mallo.

Na práctica, a maioría das veces, os meus clientes contactan comigo para que lles bote unha man coa funcionalidade. Tanto en negocios como en vivendas. Sobre todo canto máis reducido é o espazo do que dispoñen, claro. O quid está en imaxinar, por exemplo, solucións de mobiliario polivalente, que permitan adaptar o mesmo espazo a diferentes usos, ás veces tan diferentes como un comedor e un pequeno ximnasio doméstico.

Sorprenderíavos a cantidade de casas e locais comerciais enormes que están desaproveitados e a cantidade de pequenos apartamentos e oficinas onde é doado conseguir confort cun pouco de versatilidade.

2. Consegue que os espazos se adapten á nosa vida, e non ao revés

Isto ocorre case sempre: os espazos nos que imos vivir ou traballar están aí antes de chegarmos nós. Cando se constrúe un edificio de vivendas e se pon á venda, moitas veces o máis que podemos escoller é se queremos 1, 2, ou 3 dormitorios. E xa. Como ninguén quere meterse en obras nada máis entrar — e como entrar xa é suficientemente caro, ademais —, o que facemos é embutir a nosa vida neses espazos. E ilo levando.

Pero non debería ser así. E o interiorismo funciona precisamente para iso: para conseguir que os espazos se adapten ao noso modo de vida, sen que teñamos que renunciar a ela para podérmolos habitar. E sen que nos custe un ollo da cara. Ao final, se o proxecto está ben feito, pequenos investimentos estratéxicos fannos gañar moito en calidade de vida.

3. Ensancha os espazos e dá calidez

A miúdo, conseguir máis espazo significa investir moitos máis euros. Sobre todo cando falamos do centro da cidade, de lugares con gran densidade de poboación ou mesmo de barrios onde as vivendas se foron subdividiendo e reducindo á mínima expresión.

As boas novas son que existen técnicas e solucións que permiten alargar os espazos. Ou, polo menos, dar unha maior sensación de amplitude. É evidente que os metros cadrados son importantes. Pero, cando non podemos ter máis, é importante eliminarmos a sensación de enclaustramento, de nicho, de abafo.

Aínda que só sexa por como os lugares que habitamos inflúen no noso estado de ánimo e na nosa saúde psicolóxica. Dotarmos a eses espazos reducidos de mellor iluminación (que non sempre é o mesmo que máis luz) ou de detalles que acheguen calidez e sensación de fogar, axuda a sentímonos mellor neles. E, de novo, falo tanto de vivendas como de oficinas ou pequenos comercios ou talleres.

Cociña Mirasol. Proxecto.

4. Aforra custos (e dores de cabeza)

Esta vantaxe está relacionada co que acabamos de dicir no punto 2. Aquilo de “que non nos custe un ollo da cara”. Honestamente: cambiar os espazos e adaptalos ás nosas vidas ou traballos, ás nosas necesidades, custa diñeiro. Aínda que non haxa que tirar tabiques. Aínda que reutilicemos a maioría de elementos dándolles unha segunda ou terceira vida.

O que nos ofrece un interiorismo estratéxico é o coñecemento e a experiencia para sabermos que os investimentos que se van facer darán os resultados esperados. Que non teremos que voltar atrás, noutras palabras.

Coñecer ben os diferentes tipos de materiais que a industria pon á nosa disposición, os revestimentos, os tipos de iluminación, o mobiliario — e tamén o que non se ve, as tripas da besta — aforra moito tempo e diñeiro. De verdade. Moito máis do que custa un servizo de interiorismo.

E aínda diría máis. Non só aforra, senón que resulta rendible a medio prazo. No caso dos negocios, entender o interiorismo como unha parte da estratexia de comunicación da marca é esencial. Diso xa falei noutras ocasións. Pero mesmo en vivendas: mellorar os espazos aumenta o valor da propiedade na perspectiva dun aluguer ou dunha venda.

5. Adáptase ao teu peto

Un bo interiorismo adáptase ao orzamento e ao que podes ou queres investir. Esta é unha máxima de moitos estudos de deseño de interiores, e tamén o é de Decorazul.

Antes de comezar o deseño, é esencial coñecer cal é o orzamento, o que se quere facer e cales son os puntos realmente urxentes. Isto permítenos planificar e ir directamente ao punto máis problemático para, unha vez solucionado, abranxer máis aspectos.

Se tes en mente unha renovación do teu local ou a túa casa, podes considerar que o que custa o traballo de valoración, estudo e deseño do interiorismo corresponde, máis ou menos, cun 5% do total da intervención. Un 5% que che pode aforrar moitos sobrecustos, tempo e dores de cabeza, como dixemos no punto xusto anterior.

6. Facilita o mantemento

Relacionado co anterior, un dos puntos nos que máis insisto cando traballo é en que o proxecto resulte rendible tamén canto a mantemento e conservación.

É dicir: por moito que o único que nos interese sexa que “quede bonito”, ese “bonito” haberá que conservalo. O deseño de interiores — ou, polo menos, o que eu practico — ten en conta a durabilidad das solucións que propón.

Ao cabo vivimos nun planeta finito, e, sinceramente, xa estou farta do lixo decorativo que se tira porque se acabou un capricho ou porque nos cansamos daquel elemento xenial que nos encantaba, pero xa non nos encanta tanto.

En resumo: o interiorismo axuda a conservar os espazos (e o medio natural) porque evita malas decisións. Ou, polo menos, decisións tomadas de calquera xeito.

7. Achega calidade estética

Case o deixei para o final, pero non podo pasar sen comentalo. A calidade estética dun traballo non é o máis importante, pero iso non significa que podamos prescindir dela por completo.

O esencial — e por iso vai no punto 1 deste falso “decálogo” — é mellorar a funcionalidade dos espazos. Pero unha casa non pode ser unha cadea de montaxe, se me permites a metáfora.

Achegar calidade estética cos acabados, con algunhas pezas decorativas seleccionadas, coa utilización reflexionada da cor e da iluminación… Todo iso consegue espazos nos que realmente nos gusta estar. Nos que nos atopamos a gusto.

E iso é o mínimo que deberiamos esixir a un espazo.

8. Axuda a persoas con dúbidas ou con pouco tempo

Dígoo sempre: a miña clientela está composta, en gran parte, por persoas con pouco tempo para llo dedicaren a mellorar os seus espazos vitais ou de traballo. E mais por aquelas que senten dúbidas, que non saben por onde comezar.

Se es desas persoas indecisas ou con dúbidas, o interiorismo ten a vantaxe de ter moi claro que puntos hai que tocar, en que orde e mais qué é o básico e qué é o adicional. Para iso, estudamos e formámonos durante anos e pomos ao teu dispor a bagaxe da nosa experiencia.

E se es do outro grupo, do que non ten tempo para nada pero sabe que necesita facer un cambio, a vantaxe é que un estudo de interiorismo pode “ocuparse do problema”, por así dicir. No meu caso, isto non significa que eu vaia ver o sitio, mida as distancias e volte ao cabo duns días cun deseño prêt-à-porter tirado dalgún caixón e con catro cambios feitos para “axustar o traxe”. O que significa é que, en lugar de perder o tempo con divagacións, estruturo o traballo e fágote partícipe dos aspectos importantes sen che ocupar máis tempo do estritamente necesario.

E isto lévame ao último punto:

9. É divertido

Facerse cargo de transformar o lugar onde vives ou onde traballas pode parecer tedioso e problemático. Imaxínaste tendo que pelexar con electricistas, albaneis ou equipos de fontanaría e non parece moi divertido, é verdade.

Pero o que fai o interiorismo é precisamente pór todo ese po e todo ese caos baixo control. O interiorismo, pensado estratexicamente, dáche as ferramentas para estruturares o traballo e que a transformación flúa.

Ademais, antes de chegarmos a esa parte do proceso, tamén é divertido imaxinarmos as posibles solucións ao problema. En Decorazul traballo directamente coas persoas que van traballar ou vivir nese espazo e as decisións tomámolas man a man. E o resultado que observo é que, ao final, os meus clientes divírtense. Que máis podo pedir?

Non é pouco para un traballo que non sabemos moi ben para que serve, non si?

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

Encántame falar de interiorismo e encantarame falar do teu negocio.

Descobre como o método Decorazul axudarache a captar miradas e clientes cun interiorismo moderno e con arraigamento.

Asesoría gratuíta
Solicitar asesoría gratuíta
Decorazul
Ola, son Sabela. Escribe aquí a túa consulta e respondereiche de 9:00 a 19:00 h. En que podo axudarche?