Falemos de interiorismo para negocios. Especificamente. Do mesmo modo que coas persoas, a primeira impresión que causa un negocio ou unha marca é fundamental. Se é mala, disuadimos as persoas que nos visitan de comprar os nosos produtos ou servizos, pero, sobre todo, disuadímolas de confiar de novo en nós. Unha mala primeira impresión fainos perder clientes. Por iso, sempre explico á miña clientela que o interiorismo, combinado co branding e cunha comunicación efectiva, é unha ferramenta esencial para facer despegar un negocio. Ou para facer que voe de novo.
Pero non nos enganemos. Levo anos vendo persoas que investen en interiorismo para negocios e aínda así fracasan. As causas son diversas, pero a experiencia permitiume observar un patrón que se repite unha e outra vez neses casos.
Comezar a casa polo tellado
Un negocio ten que saber ben qué é o que vende e a quen o vende. Evidente, verdade? Debería selo, pero non o é tanto. Polo menos, a xulgar polo que se observa neses patróns de negocios que fracasan.
Se non sabemos a quen vendemos non podemos adaptar os nosos espazos físicos ou dixitais e a nosa comunicación ao cliente ideal, ás súas expectativas e ás súas necesidades. Pensar que todo o mundo pode ser cliente non adianta nada, porque é falso. Todos os negocios teñen unha clientela tipo, e se non sabes cal é a túa, tes un problema serio nas túas bases.
Aínda así, teño recibido encargos de clientes empresariais que o que querían era “facer bonita” a súa tenda para atraer clientela. Cando eu lles preguntaba que clientela querían atraer, moitos nin sequera sabían responder. A maioría estrañábase de que lles fixese aquela pregunta. Até houbo quen preguntou, ofendido, que ten iso que ver co interiorismo para negocios, con “decorar” un local, e por que facía tantas preguntas.
Na realidade, non eran tantas preguntas. O problema era que unha parte importante dos meus clientes non tiñan as respostas sobre os seus propios negocios. O que lles causaba rexeitamento era iso, e tamén unha visión moi errada do que é a profesión do interiorismo.
O patrón dun desastre
Os clientes e as clientas que fracasaban repetían unha e outra vez un ou varios dos seguintes comportamentos fatais.
- Non estaban orientando o seu negocio ao perfil de persoas que máis lles interesaba, porque, en moitos casos, simplemente non sabían cal era ese perfil.
- Tampouco fixeran ningunha investigación profunda e específica sobre o seu negocio. En varios casos simplemente abriron as portas do seu negocio e sentaron a esperar que a xente entrase pola porta. Noutros casos, limitáronse a copiar as fórmulas da competencia, converténdose nunha fotocopia sen ningún aliciente para atraer.
- Pensaban que o interiorismo para negocios e o branding consisten simplemente en facer “algo bonito”, que coincida cos seus gustos persoais, en lugar de coas expectativas da súa clientela tipo.
Teño que admitir que, ao inicio, fixen proxectos sen ter información sobre estes temas esenciais. Os espazos eran “bonitos”, funcionais e chamaban a atención. Pero como se ían adaptar á clientela obxectivo do negocio se quen encargaba o proxecto nin sequera sabía dicir cal era esa clientela? Como ían destacar os produtos principais se o negocio non tiña unha lista de produtos en destaque? Un deseño bonito está ben, claro. Pero non é suficiente. O interiorismo para negocios non é iso. Hai que facer que ese deseño “bonito” traballe para nós. Se non, en lugar de ser un investimento, é un gasto.
Un workbook de interiorismo para negocios
Cando varios deses negocios acabaron baixando a reixa decidín que debía traballar conscientemente para axudar a miña clientela a crear un negocio rendible e que perdurase no tempo. Que non ía facer máis proxectos sen contar cunhas bases sólidas. E que debía traballar sempre a partir dunha investigación inicial que me permitise saber:
- Que produtos ou servizos debía potenciar co meu deseño de interiores.
- Que expectativas concretas da clientela deses negocios debía ter en conta á hora de deseñar o redeseñar o espazo ou recomendar unha determinada intervención.
- Que valores de marca debía potenciar tanto no interiorismo como no branding e na estratexia de comunicación deses negocios (web, redes, publicidade…)
- Como integrar toda esa información nun proxecto coherente, consistente e orientado a maximizar o retorno do investimento.
Por iso, decidín tamén crear unha ferramenta que ofrecería á miña clientela para que comezasen a reflexionar sobre o seu negocio antes de meterse en investimentos de reforma ou de posta en marcha. Un workbook onde se tratasen estes temas, paso a paso, de maneira ordenada, para non deixar nada atrás.
O resultado son Os 13 pasos esenciais para deseñares as bases do teu negocio e como presentalo ao mundo, que podes descargar de balde premendo na ligazón ou no final desta páxina. Se decides traballar con esta ferramenta, terás unha visión máis completa do teu propio negocio antes de faceres máis investimento. De modo que che servirá tanto se contratas un novo interiorismo ou unha nova identidade gráfica como se non.
Se o fas, ademais, permitiranos acelerar o proceso de investigación e chegar a resultados moito máis axustados e rápidos, conseguindo que a clientela nos vexa como queremos que nos vexa, reforzando o seu vínculo connosco e evitando problemas, perda de tempo e dores de cabeza. En definitiva, aproveitando todas as potencialidades dun interiorismo para negocios responsable.
A decisión é túa! Podes copiar o negocio do lado ou responsabilizarte da túa marca, deseñándoa paso a paso. Se optas polo segundo, estarei encantada de axudarte. Descarga o libro e reserva unha consulta gratuíta onde che explicarei máis polo miúdo como traballo.