fbpx

Que non é unha interiorista?

Circula desde hai uns anos unha especie de mito sobre o interiorismo. Un mito que interpreta o deseño de espazos e o traballo das e dos interioristas como unha especie de actividade superflua. Case un capricho. Trátase dun mito cunhas raíces moi concretas, pero tan erradas como considerar que, ademais de superfluo, o interiorismo é caro e improdutivo. E agora imos explicar por que.

Temas

O mito da interiorista diva

Desde hai un tempo, as persoas que nos dedicamos ao deseño e creación de espazos e interiores enfrontámonos a unha imaxe irreal do que é a nosa profesión. De para qué serve o noso traballo e que é exactamente o que facemos.

Esta caricatura afunde as súas raíces nuns estereotipos que nos presentan como persoas cheas de ínfulas, difíciles de tratar, inflexibles e incapaces de adaptarnos á realidade. Persoas que captan modas e referencias en lugares afastados e as incorporan a un espazo para dotalo dun ambiente retro, industrial, nórdico, oriental ou minimalista, sen importar o que antes houbo alí. Sen importar as circunstancias. Esa visión, profundamente errada, ten aínda un epílogo que di que os nosos servizos son caros e que facemos gastar moito diñeiro á xente que nos contrata.

É certo — e hai que recoñecelo — que no auxe do desenvolvimentismo e nos tempos en que o país comezaba a sair da miseria, estaba de moda encargarlle a decoración da casa ou da oficina a unha interiorista. Había nese comportamento unha procura de exclusividade que moitas veces acababa en forma de excentricidades. Cometéronse excesos, si. Ainda que non máis que noutras profesións. Algunhas tan próximas a nós como a arquitectura ou a construción. Sen embargo, a ninguén se lle ocorre pensar hoxe que contratar unha arquitecta para deseñar unha vivenda sexa un disparate. Por que se pensa entón dunha interiorista cando se fala de deseñar un interior?

Os motivos son diversos. A redución do interiorismo á simple decoración é un deles. Que teña sido unha actividade profesional feminizada e que aínda se considere en certos círculos como a irmá menor da arquitectura tamén. Sen embargo, estamos de novo diante de prexuízos, que se constrúen desde a ignorancia do que hoxe significa dedicarse a esta profesión.

O mito do bo gusto

Outro mito que funciona fantasticamente ben é aquel que reduce a nosa profesión a unha cuestión de gusto. Cantas veces nos atopamos con persoas que nos din «encantaríame ter o teu gusto para crear espazos bonitos»?

Este mito descansa sobre o anterior, e implica unha consideración do interiorismo como actividade puramente subxectiva e consumista, onde tiramos as cousas vellas e poñemos no sitio cousas novas e bonitas. Cousas que vimos nas revistas, no Instagram ou en Pinterest.

Foi sobre esta base que proliferou unha industria editorial que nos achega casas perfectas, en lugares perfectos, con deseños perfectos — pero case sempre para un tipo determinado de persoas, cun nivel adquisitivo bastante por cima da media. Tanto que, se nos guiamos pola imaxe que se proxecta da nosa profesión, ao final, non estamos moi seguras de se o resultado ten a ver co gusto ou coa carteira…

Con todo, non se trata de deixar de mirar revistas, blogs especializados e todas as referencias que se queiran ter. Do que se trata é de non confundir iso co traballo que facemos, que inclúe o que aí se mostra, pero tamén outros moitos aspectos.

Que é unha interiorista, na realidade?

Recoñezámolo: ao interiorismo fáltalle facer pedagoxía. Primeiro, explicando que a nosa profesión non ten a ver só co gusto — aínda que exista sempre un certo papel da intuición. Temos que ser capaces de facer ver que a base do que facemos é a formación, o estudo exaustivo dos materiais e das súas cualidades. E tamén unha investigación profunda dos problemas dos espazos sobre os que traballamos, para desentrañalos e atoparlles solucións específicas e adaptadas ao milímetro.

As interioristas somos coma calquera outra profesional, que está aí para ofrecer solucións a problemas concretos. Ás veces eses problemas son casas impresionantes ao pe do mar. Outras veces son apartamentos minúsculos para unha familia que acaba de ter unha filla ou un fillo e necesita adaptar o espazo que antes era para duas persoas. Ou tamén pode ser unha antiga nave industrial onde hai que crear un espazo de oficina. Nestes casos, o de tirar e poñer obxectos novos e bonitos non serve. Fai falta mais. Fai falta estudar o espazo, estudar os fluxos de movemento, as necesidades específicas de cada habitación ou de cada posto de traballo, as iluminacións e as súas características, as correntes de aire e ventilación, etc.

O gusto axuda, claro. Pero o que de verdade fai falta é unha profesional con formación e capacidade para concibir un espazo no que se queira estar, para vivir ou para traballar, conxugando todas esas exixencias.

Antes de contratar unha interiorista

Levo case vinte anos no mundo do interiorismo e da creación de espazos e estou firmemente convencida do que acabo de expoñer. Pero tampouco se trata de facer un artigo corporativista. Profesionais do interiorismo hai, como en todos os outros sectores, mellores e peores.

Ademais, aínda que os prezos dos servizos de interiorismo teñen pouco a ver coas cifras estratosféricas que a maioría da xente imaxina, é certo que se trata dun investimento que non se fai todos os días. Non é como tomar un café ou comprar un libro. E por iso é normal que nos asalten as preguntas. Vai entender esa profesional o que realmente queremos facer na casa ou no negocio? Se vou investir os cartos nun proxecto — que normalmente moitos estudios de mobiliario non me cobran — que é o que me vai a convencer realmente para decidirme por alguén deste gremio? 

Son preguntas normais. E por iso son tan habituais. Por iso é importante falar do proxecto antes de comezar, e coñecer a persoa coa que, como clientes, imos traballar. Ou o que é o mesmo: non quedes co primeiro estudio que vexas. Investiga e comproba como traballamos as diferentes profesionais, e non só o prezo. Por exemplo, para un negocio, se non ten en conta o produto ou servizo para orientalo ao teu público obxectivo, se non investiga o que fai a túa competencia, ou se non fai un deseño neutro e flexible que permita adaptacións ao ritmo que evolúe o teu negocio, o mellor é continuar buscando.

Noutras palabras: visita a súa web e os seus perfís nas redes sociais para saber o que fai. Non só para ver fotos de espazos bonitos, senón para ver se fala deste tipo de cousas. Para saber cal é o seu concepto de deseño. Para comprobar cal é a súa filosofía de traballo. Claro que che ten que entrar polo ollo o que esa interiorista fai, pero lembra que no teu caso, para a túa casa ou para o teu negocio, o deseño debe ser personalizado e específico.

Cando coincidimos con alguén, pensamos de xeito parecido ou somos compatibles, as relación humanas son mellores e máis fructiferas. Por que non ía ser o mesmo aquí?

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

Encántame falar de interiorismo e encantarame falar do teu negocio.

Descobre como o método Decorazul axudarache a captar miradas e clientes cun interiorismo moderno e con arraigamento.

Asesoría gratuíta
Solicitar asesoría gratuíta
Decorazul
Ola, son Sabela. Escribe aquí a túa consulta e respondereiche de 9:00 a 19:00 h. En que podo axudarche?