Nunca tanto se falou dos espazos de traballo en casa. Nunca nos vimos tan obrigados a recluírnos e a adoptar fórmulas de teletraballo como a partir desta pandemia de Covid-19. Mentres en todos os ámbitos nos preguntamo cales serán as vantaxes e inconvenientes deste cambio de terzo; mentres debatemos sobre as implicacións económicas, psicolóxicas, de conciliación de todo este novo paradigma que se impón, unha cousa está clara. As nosas casas non están pensadas para que traballemos nelas.
Na maioría dos casos, trátase de apartamentos construídos a base de plantillas de habitación, como un exercicio de copiar e pegar de espazos que teñen como obxectivo ser replicables como churros, aproveitar ao máximo os metros cadrados (polo seu impacto no prezo) e xa. O confort final, a ergonomía do espazo, a pertinencia das divisións e a usabilidade do resultado final importan pouco, na maioría de casos.
Claro que hai estudios de arquitectura que dedican grandes esforzos a isto. Pero a maioría de nós vivimos en apartamentos e pisos levantados no medio dalgún boom da construción. E xa sabemos que as épocas de expansión son pouco dadas ao coidado dos detalles.
Un padrón obsoleto
Por iso non é casual que a maioría de pisos e apartamentos teñan os mesmos compoñentes: cociña, salón con comedor, baño e dormitorios. Nos últimos anos, mesmo houbo un interese por priorizar estes últimos, dotándoos de equipamento para o descanso e o relax, cando na realidade son os espazos que menos usamos na nosa vida diaria.
É evidente que a cada espazo hai que lle dar a súa importancia, e que isto se traduce nunha dotación de metros cadrados acaída. Non é intelixente proxectar un salón coas mesmas dimensións para unha vivenda de 65m2 que para unha de 90m2. Pero facémolo. Porque a plantilla non cambia en si mesma. Adáptase, como máximo, á superficie da parcela edificable.
Unha nova necesidade
Coa necesidade sobrevinda de buscar lugares de traballo e teletraballo nas nosas casas, o espazo a que máis recorremos é o híbrido entre sala de estar e comedor. Se antes era xa un espazo relativamente polivalente, que podía acoller máquinas de ximnasia, zona de xogos e unha mesa para comidas, agora a maioría optou por instalar nel tamén a súa oficina — ás veces en condicións realmente rudimentarias. Ademais, co teletraballo, multiplicáronse as videoconferencias, que mostran tamén partes da nosa vivenda que antes quedaban restrinxidas á esfera dos contactos máis próximos e á intimidade.
Prescindir de usos ocasionais (comedor) para dar servizo a usos sobrevindos (oficina) foi a norma, e é natural que así sexa. Pero parece que o teletraballo veu para ficar, nun bo número de actividades. A pregunta é, durante canto tempo pode servir unha solución puntual e temporal?
Vémonos na tesitura, por tanto, de adaptar os nosos fogares a un novo uso, que ten os seus propios requisitos. Saber como aproveitar as potencialidades das nosas vivendas e como separar esas zonas que agora serán exhibidas nas nosas reunións telemáticas das que queremos preservar da vista doutras persoas é fundamental.
Ao mesmo tempo, somos cada vez máis conscientes do importante que é a calidade do lugar onde vivimos. Da relevancia de conseguir espazos versátiles que nos sirvan para estar, para traballar ou para facer deporte en casa.
Hora de facermos cambios
Non é casual que as nosas casas e apartamentos estean agora mesmo a sufrir cambios. É necesario adaptalos ás novas rutinas. Ademais, ao pasar máis tempo en casa, tendemos a reflexionar máis sobre as súas posibilidades e os seus defectos. Moitos dos mobles “come-espazos” parece que perderon a súa función e estorban.
Agora é o momento de liberar espazo e repensalo para que se adapte de verdade ao que necesitamos. O bo é que para facelo non se necesitan grandes investimentos. Moitas veces podemos aproveitar elementos que xa existen, dando novos usos a aquilo que utilizabamos menos ou só de maneira ocasional.
Iso é, precisamente, o que fixo unha das nosas últimas clientas, profesora cun fillo adolescente. Necesitaba unha zona tranquila e ordenada para poder traballar desde casa e, ao mesmo tempo, un espazo para que o seu fillo de 15 anos puidese estudar, facer videochamadas cos seus amigos e pasar o tempo.
Antes do proxecto, ela reservara para si unha parte da mesa do comedor, e improvisara unha zona de estar no descanso das escaleiras para o seu fillo. A “solución de urxencia” non era cómoda, nin ergonómica, así que lle propuxemos destinar unha habitación infrautilizada da casa para espazo polivalente.
Necesitábanse unha serie de elementos (mesa, andeis, arquivadores, etc.) que parecían non caber naquel espazo, realmente reducido — soamente 15m2. Finalmente optamos por un deseño simplificado en L co obxectivo de aproveitar o armario roupeiro encaixado como arquivador e biblioteca; integrarlle un escritorio corrido para dúas persoas e deixar espazo libre para un sofá cama que permitise usos ocasionais como dormitorio ou como zona de lecer para o seu fillo.
Co redeseño conseguimos recuperar e integrar o que xa existía (abaratando o investimento), empregar só elementos polivalentes (reducindo o tempo de execución da obra), e crear un espazo único con decoración sinxela, funcional e atemporal. Pero, sobre todo, centrar o investimento no que realmente importaba: conseguir unha solución ergonómica que mellora o conxunto da vivenda e a fixese máis habitable e cómoda.
Existen moitos modos de acometer un proxecto deste tipo. No meu caso, guíome polos principios do interiorismo responsable: rendibilidade, sustentabilidade e deseño xenuíno. Un deseño que vai ao gran, reduce tempos e custos e consegue resultados.