Este proxecto é fillo dunha nova necesidade, xurdida da nada, coa pandemia de Covid-19. Os fogares de moitas persoas convertéronse, á forza, en espazos de traballo, e o debate agora é se esta práctica do teletraballo, ou do traballo desde casa, veu para quedar.
Agora é o momento de liberar espazo e repensalo para que se adapte de verdade ao que necesitamos. O bo é que para facelo non se necesitan grandes investimentos. Moitas veces podemos aproveitar elementos que xa existen, dando novos usos a aquilo que utilizabamos menos ou só de maneira ocasional.
Iso é, precisamente, o que fixo unha das nosas últimas clientas, profesora cun fillo adolescente. Necesitaba unha zona tranquila e ordenada para poder traballar desde a casa e, ao mesmo tempo, un espazo para que o seu fillo de 15 anos puidese estudar, facer videochamadas cos seus amigos e para o tempo de lecer.
Antes do proxecto, ela reservou para si unha parte da mesa do comedor, e improvisara unha zona de estar no descanso das escaleiras para o seu fillo. A «solución de urxencia» non era cómoda, nin ergonómica, así que lle propuxemos destinar unha habitación infrautilizada da casa para espazo polivalente.
Necesitábanse unha serie de elementos (mesa, andeis, arquivadores, etc.) que parecían non caber naquel espazo, realmente reducido — apenas 15m2. Finalmente optamos por un deseño simplificado en L co obxectivo de aproveitar o armario roupeiro encaixado como arquivador e biblioteca; integrarlle un escritorio corrido para dúas persoas e deixar espazo libre para un sofá cama que permitise usos ocasionais como dormitorio ou como zona de lecer para o seu fillo.
Co redeseño conseguimos recuperar e integrar o que xa existía (abaratando o investimento), empregar só elementos polivalentes (reducindo o tempo de execución da obra), e crear un espazo único con decoración sinxela, funcional e atemporal. Pero, sobre todo, centrar o investimento no que realmente importaba: conseguir unha solución ergonómica que mellora o conxunto da vivenda e a torna máis habitable e cómoda.
Existen moitos modos de acometer un proxecto deste tipo. No meu caso, guíome polos principios do interiorismo responsable: rendibilidade, sustentabilidade e deseño xenuíno. Un deseño que vai ao gran, acurta tempos e custos e consegue resultados.