A Casa nas Pereiras está situada no Camiño Inglés, preto de Compostela. Localizado nunha pequena aldea onde todas as casas comparten unha mesma eira, este inmoble quedara moi deteriorado polo abandono e polo paso do tempo. A opción pola que se optou foi reconstruílo empregando técnicas tradicionais de mampostaría. O obxectivo era claro: conseguir un deseño funcional e adaptado aos tempos actuais, pero partindo da base da arquitectura tradicional.
O resultado é un interiorismo sinxelo e atemporal, con espazos abertos e versátiles e cunha escaleira como elemento rector, cuxa cor morada se espalla ademais pola viga central e o resto de viguetas do forxado do andar inferior. A varanda é unha réplica da típica varanda compostelá, presente en balcoadas, baixadas e escaleiras de toda a cidade.
O respecto pola tradición pode verse en varios elementos da cociña, como a preservación do forno de leña, ou un vertedoiro que, sendo moderno, parte dunha reinterpretación de formas históricas que tivo tamén en conta o material.
Como a Casa nas Pereiras ten como obxecto acoller peregrinos e pequenos grupos de persoas antes de chegaren a Compostela, toda a obra foi realizada atendendo á máxima de empregar materiais resistentes e de pouca exixencia canto ao mantemento, pero que á vez fosen asequibles dado o limitado orzamento disponible.
De aí o uso do chan de granito gris Mondariz, colocado en toda a superficie do andar baixo e no entrechán, integrando a lareira de leña e o banco na zona do salón. O aseo tamén comparte este material no prato de ducha e na encimeira do lavabo.
O resultado, xunto co vaciamento de elementos superfluos, é un espazo neutro que admite multitude de posibilidades segundo o equipamento que se dispoña. De maneira que é posible crear no interior un ambiente tanto informal como clásico ou máis actual, sen que iso interfira no ADN propio deste tipo de construcións populares tradicionais.