Asian Street Food – Take Away

Estado previo

Asian Street Food – Take Away é un novo servizo de comida para levar, instalado na cidade de Pontevedra baixo a premisa de traer a esta cidade galega todo o sabor e a cultura culinaria de rúa da rexión chinesa de Cantón. Fusiónanse, polo tanto, a tradición gastronómica e a tendencia de consumo street food e take away.

O obxectivo non é outro que satisfacer unha necesidade que ata hai uns anos podía ser inédita neste recuncho de Europa, salvo nas grandes cidades, pero que é hoxe cada vez máis común. E facelo sen renunciar á calidade nin á evocación dos seus referentes asiáticos.

A idea base que ordena toda a investigación, tanto para o branding como para o interiorismo, redúcese a «presentar», en lugar de «representar». Non se busca un interiorismo nin unha marca tradicional, nin autorreferencial, nin autoevidente.

A simplicidade propositada do deseño vai da man cunha oferta que se reclama igualmente sinxela: un produto gastronómico deseñado para levar, sen máis pretensión que reivindicar o sabor dos seus ingredientes e o saber facer da súa elaboración.

En consecuencia, o interioriorismo céntrase en resultar áxil para a venda, tendo en conta que a comida non se gozará no local e deseñando un fluxo de movementos unidireccional e concentrado. Óptase, en consecuencia, por unha iluminación sen estridencias, o uso da madeira como solución de calidez, unha exposición de produto ordenada e por dar relevancia á presentación de información, a través de cartelería visible a distancia que destaca e ordena a súa oferta a partir dos tres sabores basilares da carta: o pato, o porco e o polo.

Ao exterior, o local mostrarase como un gran escaparate que permite visualizar o produto desde unha rúa que foi transformada e peonalizada recentemente. O uso do logotipo ao exterior, á altura da vista, e un rótulo iluminado que capta a atención alíanse para potenciar a visibilidade do negocio.

Nunha aposta por un interiorismo responsable, resultado de apostar por un deseño rendible, sostible e xenuíno, tivéronse en conta ao longo de todo o proceso creativo tanto as limitacións orzamentarias como a presenza de elementos herdados do anterior negocio que ocupaba este local.

En consecuencia, apostouse por recuperar case a totalidade destes elementos preexistentes (deseño sostible), limitando a intervención a unha serie de actuacións estratéxicas capaces de producir un forte impacto cun investimento mínimo (deseño xenuíno). Deste xeito, o reaproveitamento de elementos e a contención no gasto de execución, permitirán destinar recursos a desenvolver unha marca gráfica propia que identifique o negocio e o singularice (deseño rendible). Deste xeito, o interiorismo e o branding únense, baixo a premisa de simplicidade que se definiu previamente para este proxecto.

Planos

Interiorista revisa bocetos en butaca beige de lino con cuaderno, incorporando diseño contemporáneo en salón reformado

Como sería no teu negocio?

Ti tamén podes atraer clientes fieis cun establecemento feito para ser memorable, rendible e único. E todo empeza pulsando aquí: