fbpx

Os 3 valores do deseño responsable: rendible, sustentable e xenuíno.

A globalización do deseño é un fenómeno presente en todo o mundo, e en multitude de aspectos. Na industria da moda, por exemplo, vehicúlase a través de tempadas e tendencias. E o deseño de interiores non é moi diferente, por desgraza.

Temas

Revistas de decoración, portais como Pinterest e redes sociais de consumo rápido como Instagram póñennos ao alcance da man un torrente inesgotable de imaxes. Que teñen en comun? Que representan tendencias, o que está na moda.

As modas cambian e duran pouco tempo. Cada tempada saen coleccións novas e o que se mercou na tempada pasada desbótase. Créase así un ciclo de consumo de produtos con baixo custo que xera unha cantidade indecente de «falso» lixo e acelera a degradación do ambiente. Non só no mundo da moda, por suposto. Que acontece no mundo do interiorismo?

Interiorismo de usar e tirar

Pois, tristemente, tamén existe esa tendencia. Hai un interiorismo de usar e tirar, xa sexa para espazos de negocios, oficinas ou vivendas. Normalmente é un interiorismo amateur, que se deixa levar polo brillo da novidade e dos estilos. Aínda que eses estilos sexan unha importación que non se adapta en nada á nosa realidade inmediata e acabe creando casas iguais en Nova York, en Madrid, en Sidney ou en Oslo.

Mais non é só o interiorismo amateur, que máis parece unha vítima desa roda de consumo que outra cousa. O problema é que tamén existen interioristas que funcionan nesas coordenadas, e baixo a lóxica comercial da obsolescencia programada.

Dese punto de vista, un deseño perecedoiro, que se deixa levar pola moda do momento, e que se ofrece máis barato, asegúralles que en breve os clientes chamarán de novo á porta, pedindo unha actualización ou un novo proxecto. E, efectivamente, ás veces pasa iso. E outras veces o que pasa é que se profundiza na idea de que o interiorismo é unha actividade inútil, fútil, cara (en relación ao que dura) e caprichosa. Sobre iso xa falei neste outro artigo.

O que este tipo de interiorismo ten en común coa industria da moda ou dos gadgets tecnolóxicos, ademais de deseños pensados para non durar, é o uso de materiais e obxectos de baixo custo fabricados en masa, moitas veces sen respectar os dereitos de propiedade intelectual de quen os deseñou, e que se estragan ao pouco tempo ou, simplemente, deixan de estar na moda. Calquera pode ver que, no longo prazo, este tipo de interiorismo sae, efectivamente, moi caro.

Proxecto: Casa nas Pereiras. Aquí combináronse todos os requisitos do interiorismo responsable. Ver máis

Un interiorismo rendible

Pero hai alternativas a todo isto. Por que non investir un pouco máis nun deseño que perdure e que sexa rendible?

Cando deseñamos un espazo para que o resultado sexa perdurable, a rendibilidade queda á vista. Non só polo que implica directamente, xa que evitas ter que facer novos cambios en pouco tempo. Senón tamén porque o deseño perdurable emprega os elementos mínimos necesarios, prescindindo de elementos superfluos e, por tanto, optimizando o investimento. Isto é que chamamos deseño rendible, e é a primeira característica dun deseño verdadeiramente responsable.

Un interiorismo sustentable

O segundo elemento dun deseño responsable é a sustentabilidade. Sinceramente, cada vez é máis evidente que consumimos recursos por riba do que o planeta é capaz de xeneralos. Por iso, deberíamos comezar a reflexionar sobre como xestionamos, como deseñamos, como fabricamos e como usamos os diferentes produtos, e sobre o que faremos despois con todos eles.

Un futuro máis sustentable comeza por un consumo máis sustentable. E iso tradúcese, no interiorismo, en optarmos por solucións de maior durabilidade e visualmente atemporais, que non se gasten rápido, e que tampouco nos cansemos de velas en pouco tempo e queiramos cambialas. Pero non só.

Tamén se traduce na reutilización e na preservación do que xa existe, para darlle unha segunda vida. A reinterpretación do mobiliario que xa estaba aí, ou de algúns elementos ou fórmulas arquitectónicas de vello reduce gastos e, ademais, dá ao resultado unha maior personalidade.

Un interiorismo xenuíno

A personalidade é un dos principais requisitos para que un espazo nos resulte cómodo. Para que unha casa sexa un fogar, necesita incorporar elementos da personalidade e o estilo de vida de quen vai vivir nela. O mesmo unha oficina ou un comercio. O contrario son lugares fríos e inadaptados. Nunha vivenda isto é un problema grave, pero non só se ve nese tipo de interiorismos. Os centros comerciais, por exemplo, están cheos de interiores producidos en serie e absolutamente insulsos, orientados para o consumo en masa, entrar e saír, sen prestar atención a máis nada.

Por iso, un deseño responsable ten que ser tamén un deseño xenuíno, propio, adaptado 100% e case que intransferible. Responsabilidade tamén é saber escoller, non só no que se refire aos produtos, senón tamén ás claves estéticas, prácticas e ergonómicas, poñéndoas en relación co noso estilo de vida ou as necesidades do noso negocio. Ou o que é o mesmo, deseñar e crear espazos desde a utilidade que estes van ter, facendo que todo xire arredor dos seus condicionantes, para que a solución sexa realmente efectiva e mellore a nosa vida — sexa na casa ou no lugar de traballo.

***

O interiorismo que eu me propuxen facer a través de decorazul ten estes tres principios que considero esenciais dun traballo responsable. Ten que ser rendible, reducindo custos e proxectando solucións que funcionen non só durante o tempo que dure unha moda, senón a medio e longo prazo.

Ten que ser sustentable, valorizando o que xa existe e dando nova vida e novos usos a todo o que sexa posible, optando sempre por materiais de calidade, de doada conservación e, sempre que sexa posible, de proximidade.

E ten que ser xenuíno. Isto é, fuxindo das falsas solucións desa especie de «estilo internacional» que ofrece as mesmas receitas para unha oficina en Hong Kong que para unha casa en calquera vila galega.

E, se non, non me interesa.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

Encántame falar de interiorismo e encantarame falar do teu negocio.

Descobre como o método Decorazul axudarache a captar miradas e clientes cun interiorismo moderno e con arraigamento.

Asesoría gratuíta
Solicitar asesoría gratuíta
Decorazul
Ola, son Sabela. Escribe aquí a túa consulta e respondereiche de 9:00 a 19:00 h. En que podo axudarche?