fbpx

Ola aos negocios dixitais; adeus aos analóxicos

A estas alturas non habería que estar o repetilo todo o día, pero aí vai unha vez máis: os negocios dixitais gañan terreo cada día fronte aos analóxicos. Por outras palabras: ou te dixitalizas, ou desapareces.

Temas

88% das empresas están a levar a cabo a súa transformación dixital. Pero só 25% sabe por que.

Brian Solis, Principal Analyst en Altimeter Group

A dixitalización leva tempo a chamar ás portas dos negocios e das marcas. É un feito, aínda que sempre haberá quen non queira decatarse. Cada vez máis — tanto que até parece un tópico — consumimos produtos dixitais, facemos compras en tendas virtuais e consultamos información sobre servizos a través de webs, redes sociais, etc.

Antes, a xente entraba nas tendas ou oficinas para se informar sobre un produto ou servizo. O proceso de compra facíase por fases e dependía da habilidade do vendedor ou vendedora converter esa visita para se informar nunha visita para comprar.

Agora, a situación mudou radicalmente. A clientela chega aos nosos negocios con moita máis información, porque a democratización de internet puxo ao alcance da man case calquera dato. Pero, cal é o problema disto? Pois que, se é a túa competencia — a que vende o mesmo que ti — a que ofrece toda esa información, é evidente que para efectivizar a compra non te van ir a buscar a ti.

E aínda por riba, o Covid-19 veu para impor un distanciamento físico, peches de locais e confinamentos que aínda aceleran máis esta transición. Os negocios dixitais están mellor preparados para ese escenario, non hai dúbida.

Estar onde a nosa clientela nos vexa. Velaí o principio básico da dixitalización

O mundo é dos valentes — e dos negocios dixitais

Por iso, cando dicimos que a dixitalización é o futuro das empresas, tanto das grandes como, sobre todo, das pequenas, é por algo. As grandes marcas hai tempo que traballan na súa dixitalización. Tanto na dos seus procesos produtivos ou comerciais como na da súa comunicación, que é, talvez, a máis básica e a máis urxente de implementar.

Con todo, miles de pequenas empresas resístense a facelo ou teñen unha idea equivocada do que é dixitalizarse. Moitas cren que dixitalizarse é crear un perfil de Instagram, Twitter ou Facebook e confiar en que a familia e os amigos lles han dar o seu apoio para sobresaíren no medio do ruído que xeran esas mesmas redes. Outras moitas, especialmente as de servizos, nin sequera estudan a necesidade de crear unha web que estenda a súa proposta ao mundo virtual.

Construír negocios dixitais é ter claro que, polo menos en canto á comunicación co noso público obxectivo, xa non serven as vellas fórmulas da tenda de barrio. Que é necesario estar onde a nosa clientela está (web e redes sociais), e que é obrigatorio ser capaces de explicar as vantaxes da nosa oferta neses espazos do mesmo xeito que somos capaces de explicalo no mundo físico. Noutras palabras: que hai que crear estratexias de comunicación nunha contorna nova, onde teremos que estar porque é alí onde a nosa clientela espera atoparnos.

Por onde comezar?

O primeiro é desterrar dous mitos.

Primeiro, aquel que di que os únicos negocios dixitais que funcionan son os que venden servizos ou produtos dixitais. É falso — absolutamente.

E segundo, aqueloutro que di que só as grandes marcas e empresas poden dixitalizarse. Tan falso como o primeiro.

O que é certo é que non todos os negocios necesitan dixitalizar todas as súas áreas de acción. Utilizar tecnoloxías para mellorar procesos produtivos é importante, e cada sector de actividade poderá profundar máis ou menos neste aspecto. O mesmo canto á súa comunicación interna, á relación entre os seus diferentes equipos ou con provedores e colaboradores, por exemplo.

Pero hai un aspecto que é común a todos os sectores, cando falamos de dixitalización. A dixitalización das canles de venda. É dicir, construír unha presenza dixital que aumente o alcance da nosa oferta e coloque o noso produto nas pantallas de computadores e dispositivos móbiles da nosa clientela ideal, do mesmo xeito que o vello escaparate o fai no mundo físico. Significa iso renunciar ao escaparate? Evidentemente non. O que significa é que, cunha porcentaxe crecente das operacións comerciais a se trasladaren a contornas dixitais, o escaparate necesita complementarse. Máis nada que iso. Pero tampouco nada menos.

Todo tipo de marcas e negocios, con independencia do seu sector, poden — e deben — andar ese camiño. E para iso é necesario, antes de máis, unha identidade clara e coherente. Unha identidade consistente, capaz de funcionar en todo tipo de contornas, dixitais e analóxicas, e que sexa recoñecible e fácil de lembrar.

E que pinta o interiorismo en todo isto?

Gran pregunta. Sobre todo se entendemos o interiorismo como un campo que se dedica exclusivamente a intervir sobre locais físicos, sen máis conexión co resto da nosa estratexia que facelos máis bonitos e rechamantes.

Non é así como o entendo eu. O interiorismo e o deseño de espazos comerciais e de traballo ten, evidentemente, que mellorar eses espazos. Tanto a nivel estético como funcional. Pero debe ir alén diso. Debe conectar co resto da estratexia de comunicación da marca ou negocio. É dicir, co resto do branding. Para que? Para que a transición da clientela desde o noso avatar dixital, desde o que proxectamos nesas contornas dixitais, até o noso negocio físico, real, sexa o máis fácil e cómoda posible. Especialmente se o noso negocio necesita atraer esa clientela dixital a un espazo físico para realizar a venda (caso da hostalaría, por exemplo, ou da tenda de barrio que se decidiu a vender por internet, pero que mantén aberto o seu local para combinar ambas as canles de venda).

Do que se trata é de facer que toda a nosa estratexia de negocio, toda a marca, apunte na mesma dirección. Que o interiorismo reforce offline as bases da imaxe que se proxecta online. E que o conxunto resulte harmónico, memorable e perdurable.

Ademais, os verdadeiros negocios dixitais teñen claro que o mundo offline importa, porque tanto a clientela como os provedores e partners son persoas, que viven e interaccionan no mundo físico. De modo que toda a estratexia dixital debe estar encamiñada a facilitar esa interacción, non a dificultala.

Por iso, en Decorazul facemos unha aposta estratéxica por integrar non só un servizo de interiorismo e decoración de alta rendibilidade para negocios, senón tamén servizos de branding e comunicación, pensados especificamente para aqueles que comezan e teñen claro que o seu camiño será (polo menos en parte) dixital, e para aqueles outros que proceden do vello mundo analóxico e saben que chegou o momento de abrir a seguinte porta e dar o seguinte paso.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

Encántame falar de interiorismo e encantarame falar do teu negocio.

Descobre como o método Decorazul axudarache a captar miradas e clientes cun interiorismo moderno e con arraigamento.

Asesoría gratuíta
Solicitar asesoría gratuíta
Decorazul
Ola, son Sabela. Escribe aquí a túa consulta e respondereiche de 9:00 a 19:00 h. En que podo axudarche?