Unha das dificultades con que me atopo a miúdo en Decorazul é a fenda dixital. Como se trata dunha proposta de interiorismo online, existe aínda un certo receo sobre os procedementos e sobre o que implican os proxectos que asino. E tamén sobre o feito de que, ao tratarse dun servizo a distancia, pensado para abaratar custos e reducir prazos, eu non estou presencialmente dirixindo as obras, senón que es ti quen o fai co libro de proxecto e o meu asesoramento directo, cando sexa necesario. Vexamos que é o que compón un libro de proxecto e que información inclúe.
En que consiste un libro de proxecto?
Todos os traballos que realizo para a transformación dun espazo — quer unha vivenda quer un negocio — forman parte do proxecto e consígnanse por escrito nun libro de proxecto. Este é o servizo que ofrezo en Decorazul, tendo en conta que a execución da obra a realizan directamente as e os clientes, co meu asesoramento. É dicir, o libro de proxecto é o que entrego unha vez conclúo os traballos.
Aínda que a documentación dixital voucha enviar por correo electrónico, tamén incluirei unha copia física que enviarei por correo ordinario para que a teñas máis a man.
Con todo, que eu non estea presente na obra non significa que te vaia abandonar á túa sorte. Nin por un momento. O libro en cuestión está especialmente pensado para funcionar como unha ferramenta-guía que inclúe toda a documentación necesaria para os gremios, que son os verdadeiros encargados de executar a obra, así como fotografías, infografías en grande formato, planos, alzados e detalles de mobiliario e carpintaría, estudo lumínico, listaxe de prezos e valoración económica estimada das partidas — e tamén a parte de deseño de marca gráfica (se é o caso). En resumo: todo o necesario para levar pola túa conta a dirección de obra.
Que contén un libro de proxecto?
Polo xeral, estruturo o libro de proxecto da seguinte maneira. En primeiro lugar, na introdución, trato o traballo previo de investigación que realicei contigo e as conclusións ás que chegamos sobre o espazo, as súas calidades, a súa forma, o seu estado previo (incluído o estilo do seu interiorismo, se existe), a súa localización, a que se vai dedicar e cales son os obxectivos que buscamos coa súa transformación. A partir disto, defino que tipo de interiorismo se vai aplicar e por que. É dicir, inclúo unha xustificación de cada unha das partes do proxecto. Porque, insisto: o interiorismo non é que eu poña na túa casa ou o teu negocio o que me dea a gana, senón o que mellor funciona de acordo ás necesidades dese espazo e do uso que se lle vaia dar.
A partir de aquí entramos na parte técnica. O libro inclúe as infografías e planimetrías necesarias. Ademais, as infografías en 3d fotorrealista — que serven para anticipar o resultado — irán acompañadas dos planos necesarios para cada un dos equipos profesionais que farán o traballo (electricistas, pintores, etc.). Eses equipos xa saben ler os planos, polo que non é necesario que saibas interpretar cada detalle dos mesmos.
Ademais, cada un dos gremios terá tamén a súa información detallada para que poidan realizar os seus traballos. E aquí vai un aviso importante: despois de varios anos presente en obras e dirixíndoas, sei que hai profesionais que non miran a documentación nin “perden tempo” en estudar os detalles. Traballan segundo a súa experiencia e fan o que lles parece mellor. Por iso é importante estar pendente da execución e esixirlles que lean os apartados que inclúo no libro do proxecto para eles. A atención aos detalles definirá, finalmente, a calidade da obra. E no libro todos eses detalles estarán contemplados. Ademais, en caso de necesidade, lembra que tes liña directa comigo mentres dure a obra para calquera dúbida ou orientación que necesites.
En resumo: a idea é que este libro de proxecto sirva de guía para a execución da obra. Por iso é importante que o leas e o entendas. Todo estará explicado para que calquera persoa o entenda, evitando tecnicismos innecesarios ou aclarando aqueles que si o sexan. É dicir, que non é necesario ter nocións de planimetría nin de construción para executar a obra. Estará todo no libro, que será máis que suficiente para asegurar o resultado.
En caso de obras de maior envergadura, para a execución é mellor contratar unha empresa que teña o seu propio departamento de dirección de obra. Deste xeito, só terás que lles entregar a documentación do proxecto que eu che facilito e poderás desentenderte — até certo punto, xa sabes.
O bo deste sistema é que permite aforrar de maneira significativa en proxectos de interiorismo, escaparatismo e decoración. Porque evita desprazamentos, horas de presenza e tempo. Todo vantaxes. Esa é a maxia do libro de proxecto.