fbpx

Detrás da marca decorazul.

Cando botei a andar decorazul houbo varias persoas que me preguntaron por que non empregaba simplemente o meu nome: Sabela Liñeira. Podía telo feito, porque o certo é que neste proxecto todo pasa por min e a atención ás diferentes persoas e empresas coas que traballo é directa e persoal. Pero entre un nome que me representase a min como persoa e outro que representase unha serie de ideas que son claves para min, preferín a segunda opción.

Temas

A marca decorazul é un nome composto. Decor presenta unha especie de “polisemia” que me pareceu interesante. Funciona como abreviatura de decoración, que é unha das tarefas ás que se dedica o interiorismo. Pero, ao mesmo tempo, pode ser lida como “de cor”, ligándose coa seguinte palabra: azul. Azul non só se vocaliza senón que tamén se visualiza. Tanto a palabra como a propia cor forman parte do nome. Deste modo, o nome evoca todo o que a cor evoca en nós: imaxinación, creatividade, limpeza, liberdade, etc. Todos atributos ben interesantes para que unha marca proxecte. Só que aquí non se trata só de proxectar conceptos abstractos. Trátase de concretalos no día a día no meu traballo. E ese reto foi o que más interesante me pareceu. Como facelo? 

Primeiro, opóndome aos preconceptos sobre o deseño de interiores como unha actividade superflua ou unha simple cuestión de gustos. Deixádeme que insista: o interiorismo é unha actividade técnica, que pon en funcionamento e combina coñecementos específicos sobre materiais, acabados, loxística de distribución, iluminación, ventilación, etc. Ten un aspecto estético, está claro, pero non se limita só a iso. 

A partir de aí, a misión de decorazul é que cada espazo sobre o que traballo, en colaboración con outras profesionais de diferentes sectores, cumpra os seguintes obxectivos: 

1. Fiabilidade e solidez.

Que o deseño funcione ben en todos os aspectos — os estéticos e os técnicos. 

2. Consistencia.

Apostar pola durabilidade, para que os espazos non teñan que ser redeseñados a cada paso. Ou o que é o mesmo: dicir non ao interiorismo de “usar e tirar”, que entrega os espazos á lóxica delirante do consumismo — planeta só temos un. 

3. Limpeza.

Isto é: ausencia de decoración innecesaria, excesiva e inútil que non cumpre nin desempeña función ningunha. 

4. Respecto.

Facer un esforzo por conservar o ADN de cada lugar, espazo ou elemento. Que se identifique o que houbo alí e as cualidades que o fan único e xenuíno e que o diferencian do resto do mundo. Noutras palabras, recuperar o valor dos “espazos vividos” e adaptalo ás necesidades de hoxe, do que precisa cada proxecto: sexa en vivendas ou en negocios. De aí que nos meus proxectos aposte sempre por dar unha nova vida ao maior número de elementos posible.

5. Identidade.

Relacionado co anterior, os proxectos de decorazul teñen en conta tamén a contorna na que cada lugar, espazo ou intervención se realiza, integrando a cultura material e inmaterial no proxecto. 

6. Paixón.

Os lugares onde traballamos e vivimos son importantes. Por iso o seu interior debe funcionar non só para que poidamos ocupalos. Teñen tamén que ser espazos saudables e  achegarnos confort e benestar. E isto é o que me apaixona: combinar todos os elementos para que o resultado despois do proxecto sexa mellor que o que había antes.

Por todo isto, no deseño da marca decorazul optamos por prescindir de elementos superfluos ou engadidos innecesarios. Queriamos que decorazul levase todo isto no seu nome e na maneira de presentarse ao mundo. Por iso só o punto final acompaña o nome. E non é un punto calquera. Transmite a idea dun proceso concluido, terminado — que é o que os meus deseños procuran sempre

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

Encántame falar de interiorismo e encantarame falar do teu negocio.

Descobre como o método Decorazul axudarache a captar miradas e clientes cun interiorismo moderno e con arraigamento.

Asesoría gratuíta
Solicitar asesoría gratuíta
Decorazul
Ola, son Sabela. Escribe aquí a túa consulta e respondereiche de 9:00 a 19:00 h. En que podo axudarche?