fbpx

Briefing inicial. Que é e para que serve nun proxecto de deseño?

Se é a primeira vez que recorres a un servizo de deseño, é posible que a palabra briefing che resulte estraña. Para que serve, pois, un briefing inicial? Que é un briefing? E, sobre todo, por que o facemos así?

Temas

En cada un dos servizos de interiorismo online que ofrezo verás que propoño sempre un briefing inicial. Trátase dun test cun máximo de 10 preguntas que se responden en poucos minutos, escollendo a resposta que máis se adapta ao teu caso concreto.

No campo do deseño, os briefings iniciais son moi comúns. Pero se é a primeira vez que recorres a un servizo así, é posible que che resulte estraño. Para que serve, pois, un briefing inicial? Que é un briefing? E, sobre todo, por que o facemos así? Vaiamos por partes.

Primeiro contacto

Un briefing inicial serve para compilar información básica dos requisitos dos nosos clientes antes de comezar a falar do proxecto. Do que se trata é de que podamos facernos unha idea xeral dos requirimentos: se vai ser un proxecto para unha vivenda ou para un negocio, se a persoa que quere contratarnos ten xa algunhas ideas respecto diso ou se simplemente está a comezar a valorar opcións, etc.

Briefing é a acción de plasmar nun documento de traballo esa información imprescindible para comezar unha planificación. No caso concreto de Decorazul, como as preguntas van orientadas en función do tipo de servizos que ofrecemos, coa túa axuda poderemos ter claros diferentes aspectos das túas necesidades. Permitiranos identificar, por exemplo, se tes predilección por determinados estilos ou non, as túas preferencias persoais, os elementos que será necesario destacar (especialmente se se trata dun negocio), etc. Non se require nada demasiado exhaustivo. O obxectivo destes briefings é crear un mapa de situación para saber do que imos falar mesmo antes de nos reunirmos por primeira vez.

Somos compatibles?

Outra función do briefing inicial é comprobar se a miña metodoloxía de traballo e o tipo de deseño responsable que fago en Decorazul é compatible coas necesidades do teu proxecto. Explícome: creei Decorazul para facer un tipo de interiorismo máis aló das modas do momento e pondo no centro do taboleiro un deseño responsable, sustentable e xenuíno. Non todo o mundo comunga con estas ideas, é evidente. E por iso o briefing inicial permíteme detectar aqueles casos en que isto podería ser un problema. Non me entendas mal: non se trata de elitismo ou de ir de diva. Claro que quero traballar! Pero non quero dicir aos meus clientes que Decorazul é algo que non é só para asegurarme o proxecto.

O que quero facer é traballar con aquelas persoas ás que sei que poderei axudar dalgún modo. Xa sexa para gañar comodidade e ergonomía nos seus fogares ou para construír unha marca coherente e consistente para o seu negocio.

Imos por bo camiño?

Ademais, pola maneira en que deseñei o briefing inicial dos meus servizos, tamén teñen unha terceira función: obrigar á persoa que quere facer o proxecto a reflexionar minimamente sobre el. O resultado son ideas máis definidas e máis sólidas, que despois tratamos nas reunións de traballo. Ten en conta que o briefing facémolo antes da primeira reunión.

En calquera caso, está claro que as ideas iniciais poden cambiar ao longo do proxecto. Case sempre aparecen novos matices ou solucións nas que non se pensou ao principio. E neses casos, o briefing inicial serve de coordenadas de referencia para comprobar se imos polo bo camiño ou se nos estamos deixando levar pola situación por camiños que non previramos.

E despois do briefing?

Se as respostas do briefing mostran que poderemos traballar conxuntamente, o seguinte paso é a primeira reunión de traballo. Como Decorazul é un servizo esencialmente dixital e online, esta reunión facémola a distancia, por videoconferencia. Trátase dunha sesión que podes reservar no horario que mellor che veña e que dura aproximadamente 30 minutos. Serven para que ti poidas aclarar posibles dúbidas sobre a miña metodoloxía e para que eu poida revisar contigo as ideas iniciais do que queres facer.

No caso dun negocio, por exemplo, ao falarmos directamente podo facerme unha idea de como está estruturado o teu negocio, a que se dedica máis aló do código de sector, como se comunica e que impacto ten o interiorismo na súa estratexia de relación co cliente, que imaxe o representa, que presenza ten nas redes sociais, etc. Todas estas cuestións, incluso as que poden parecer máis estrañas, están relacionadas directamente co interiorismo. Sobre todo co tipo de interiorismo que eu ofrezo, que ten en conta a comunicación, a imaxe gráfica e corporativa, etc. O obxectivo é crear un espazo útil e que, ademais, sexa coherente co resto de elementos de comunicación do negocio, potenciándoos.

Unha vez que teño claros estes conceptos, pódoche ofrecer unha solución adaptada ás túas necesidades. Saberei que necesitas e como facelo realidade da maneira máis rendible para ti, máis sustentable e máis xenuína. Saber todo isto permíteme tomar decisións de deseño, saber en que elementos compensa máis investir e en cales menos, e aterme a un orzamento real. Isto é o que chamamos fase de investigación, e é esencial. Porque aforra tempo e abarata o custo total evitando rectificacións, horas perdidas e inseguridades. E, sobre todo, porque me permite traballar con resultados medibles.

En fin: se estás a pensar en crear ou transformar un espazo e queres asegurarte de que o resultado vai valer a pena, anímote a que realices o briefing e reserves canto antes a túa sesión estratéxica inicial aquí.

Será un pracer falar sobre o teu negocio ou sobre o teu fogar e descubrir como tirar todo o potencial de cada un dos seus espazos.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

Encántame falar de interiorismo e encantarame falar do teu negocio.

Descobre como o método Decorazul axudarache a captar miradas e clientes cun interiorismo moderno e con arraigamento.

Asesoría gratuíta
Solicitar asesoría gratuíta
Decorazul
Ola, son Sabela. Escribe aquí a túa consulta e respondereiche de 9:00 a 19:00 h. En que podo axudarche?