fbpx

5 claves para abaratares a reforma da túa cociña e non morreres no intento

Cada vez damos máis importancia ao tempo que pasamos en casa, e para optimizalo é importante que todo o que nos envolve estea en sintonía coa nosa forma de vivir. Isto é unha regra xeral que debería aplicarse en todos os espazos. E as cociñas non teñen por que ser unha excepción.

Temas

Ás veces necesitamos facer cambios nun espazo, pero non podemos — ou non queremos — meternos nunha reforma profunda. Outras veces todo funciona ben, pero poderiamos sacarlle máis proveito do espazo en cuestión cunha pequena mellora. O caso é que cada vez damos máis importancia ao tempo que pasamos en casa, e para optimizalo é importante que todo o que nos envolve estea en sintonía coa nosa forma de vivir. Isto é unha regra xeral que debería aplicarse en todos os espazos. E as cociñas non teñen por que ser unha excepción.

Ademais, como a maioría habitamos apartamentos e pisos feitos en serie, con patróns que se repiten unha e outra vez, conseguir un fogar de verdade pasa necesariamente por adaptarmos eses espazos a nós.

Xa sei que á maioría nos botan para atrás as incomodidades que xera unha reforma: tempo perdido, po, desorde, a imposibilidade de facer vida normal cos/as profesionais metidas en casa, etc. Por non falar do custo, que sempre tendemos a sobreestimar. Pero…

Spoiler: adaptar un espazo ao que necesitamos non ten por que ser caro, nin interminable, nin complicadísimo. Así que aquí van 5 claves que calquera persoa debería ter en conta á hora de reformar a súa cociña para non saír escaldada.

Cocina Mirasol Previa

1. Estuda o espazo

Estudar o espazo é o primeiro paso. Obviamente! Do que se trata é de que fagas un exercicio de imaxinación e penses no que necesitas e en como usas ese espazo. Así verás en que puntos o espazo actual non se adapta a ti. Colle papel e lapis, mide o espazo e fai un rascuño do que imaxinas, indicando que cousas deberías cambiar e por que.

Se non dás visualizado o espazo na túa cabeza, unha boa alternativa é armarse de cinta de carrozaría e colocala nas paredes e chans para representar os elementos que deberían ir en cada sitio. O obxectivo é “proxectar” in situ o que tes en mente. Este truco axuda a ver as dimensións, proporcións e composicións, e a saber realmente o espazo que poden ocupar unha mesa ou un armario. Ou a saber se un moble auxiliar vai entorpecer o paso se o colocas aquí ou alá.

2. Define o orzamento

Antes de nos metermos “en fariña” hai que saber de canto diñeiro dispomos para investir na obra. O meu consello é que te centres no que de verdade vas necesitar. E tamén facer unha pequena proxección a futuro.

Se vas mudar os electrodomésticos, ten en conta que a compra de equipos máis eficientes (que adoitan ser máis caros) se verá compensada co paso do tempo. Sobre todo á velocidade que sobe o prezo da electricidade e o gas. Ademais, nunha reforma de cociña, unha parte importante adoitan ser, precisamente, os electrodomésticos.

3. Menos albanelaría

Un dos puntos en que podemos aforrar máis tempo é na albanelaría.

Case todas as reformas de cociñas pasan por este dilema: picar azulexo vs. deixar o azulexo en paz. A maioría das cociñas, incluso as que nos atopamos en casas baleiras, a estrear, traen azulexos.

Así que a pregunta está clara. Mesmo se o proxecto que temos en mente non ten azulexo, de verdade é necesario retirar o que xa hai? Non se trata de varrer os problemas para debaixo da alfombra, senón de entender que, cando non se trata dunha cuestión de espazo, aforrar tempo e diñeiro en picar azulexo sempre é boa idea.

Por sorte, hoxe existen multitude de fórmulas que nos permiten ocultalos perfectamente. Xa sabemos que o tradicional é picar o azulexo para despois pór o revestimento sobre unha parede picada. Pero pensémolo friamente: cal é a vantaxe de facer isto? Ningunha.

4. A cuestión do azulexo

Outro tip sobre azulexos. É verdade que, como as cociñas tenden a luxarse moito, a maioría da xente busca superficies doadas de limpar. É normal. Até hai uns anos o azulexo era o rei. Pero hoxe a maioría están obsoletos, pasados de moda ou simplemente son imposibles de atopar porque xa non están nos catálogos dos fabricantes. E, ademais, mesmo con azulexos novos, as fábricas necesitan uns días para atender o pedido e os prezos adoitan dispararse se buscas unha calidade un pouco superior. A boa noticia é que existen alternativas fantásticas.

Por exemplo, pódese, simplemente, pastear e pintar. Actualmente existen pinturas moi duras e lavables no mercado, resistentes ás rozaduras e ás graxas. Outra opción é panelar as paredes, o que reduce considerablemente o tempo de execución e secado. Os paneis ofrecen aínda maior resistencia que a pintura, e pódense conseguir interesantes resultados combinándoos cos paneis do mobiliario da cociña.

5. O tempo é diñeiro

Reducir tempos é unha das constantes con que traballo como interiorista. Non só porque canto máis tempo tarda unha obra en executarse maiores son as molestias ocasionadas na propia casa e, ás veces, na dos veciños. É que, ademais, máis tempo adoita significar máis diñeiro de investimento.

Non se trata só das horas de traballo, senón de que os procesos tamén teñen os seus custos. No exemplo do azulexo que puñamos máis arriba: sempre será máis barato tapalos que picalos. O mesmo pode dicirse dalgunhas instalacións de electricidade e fontanaría, ou de procesos de pintura que esixen encintar e deixar secar. E, ademais, o que aforramos neses procesos innecesarios podemos empregalo para mellorar a eficiencia dalgún electrodoméstico, por exemplo. En resumo: tirar de onde non rende para aplicalo onde rende.

Cocina Mirasol Reforma
Alacenas Finsa de melamina Gama Duo acabado Gris Porriño. Revestimento de paredes Finsa Gama Duo acabado Gris Porriño. Carpintaría metálica a medida. Pavimento resistente. Cadeiras Pacific Segis Spa

6. Un exemplo

Déixame que che mostre un exemplo do que digo. Trátase dun proxecto de reforma para uns clientes no seu apartamento. O deseño está feito baixo a premisa de que a obra sexa o máis superficial posible, sen renunciar ao resultado final, claro. Con esa mentalidade, estes son os supostos de aforro de tempo (e diñeiro):

— En albanelaría. Como dixemos máis arriba, nada de azulexo, nada de alicatar. Non teremos que retiralo nin pór un novo. Simplemente cubrirémolo.
— En retirada de derrubas. Ao evitar o cascallo, aforramos á hora de xestionar a retirada das derrubas.
— En molestias. Canto antes terminemos, antes queda operativa a cociña e menos inconvenientes causamos á familia que vive no apartamento (e ás que viven aos pisos contiguos).

En resumo, no día 1 quedarán listas as instalacións de electricidade e fontanaría e o traballo de albanelaría. O día 2 colocaremos as alacenas, instalaremos os electrodomésticos e colocaremos a pedra encimera. A maioría de marmolerías dispoñen das pedras no seu stock, listas para cortar, así que é factible resolvelo o mesmo día. O día 3 instalamos a carpintaría metálica, realizamos os traballos de detallado con pintura e finalizamos a obra. O día 4 a cociña está lista para comezar a ser utilizada.

É evidente que un timing así esixe que os gremios estean ben coordinados e sexan profesionais, e iso é responsabilidade de quen dirixe a obra. Con todo, non é ningunha fantasía conseguilo.

En calquera caso, o que trato de explicarche é que non deberías temer as reformas, nin renunciar a conseguir espazos que se adapten a ti e ao teu modo de vivir. Sobre todo agora que pasamos tanto tempo na casa. Pénsao deste xeito: o confort é saúde.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

Encántame falar de interiorismo e encantarame falar do teu negocio.

Descobre como o método Decorazul axudarache a captar miradas e clientes cun interiorismo moderno e con arraigamento.

Asesoría gratuíta
Solicitar asesoría gratuíta
Decorazul
Ola, son Sabela. Escribe aquí a túa consulta e respondereiche de 9:00 a 19:00 h. En que podo axudarche?