fbpx

10 consellos esenciais para desenvolver con éxito o deseño do teu negocio

O deseño é un dos elementos esenciais de calquera negocio. Sexa na súa identidade visual básica, no seu packaging, no interiorismo do seu local ou no ton gráfico que emprega nas redes sociais. Desenvolver un deseño coherente e consistente non é unha tarefa difícil, pero son necesarias algunhas consideracións previas antes de comezar. A continuación, déixoche 10 consellos esenciais para desenvolveres con éxito o deseño do teu negocio.

Temas

1. Documenta todos os aspectos do teu negocio

Antes de comezar a desenvolver calquera acción sobre un negocio, deberías ter claros todos os aspectos do teu negocio e, se pode ser, documentados. Pensa en cal é a túa filosofía de traballo e de relación coa clientela. Define o que fai que o teu negocio sexa único, isto é, a proposta de valor. E pensa sobre como queres que a xente te vexa e que queres que pense do teu negocio.

Do que se trata é de anotares nun caderno unha serie de conceptos que sinteticen o que é o teu negocio. A máxima é claridade, sinxeleza, elegancia e coherencia. O obxectivo é que, antes de iniciar calquera acción teñas estes elementos presentes, para non contradicilos e, ao revés, poder darlles máis visibilidade e reforzalos grazas ao deseño.

2. Investiga a competencia

Seguramente o teu negocio non sexa o único do sector na túa área de acción. Antes, a maioría de negocios eran de ámbito local. Ás veces cubrían só un barrio ou unha vila. Hoxe, en cambio, os negocios teñen radios de acción moito máis amplos e a dixitalización disparou as posibilidades de internacionalizarse. Isto son boas novas, pero tamén significa que vai haber máis competencia.

Saber o que esa competencia fai e reflexionar sobre como o fai, como se destaca, de que maneira consegue vender os mesmos produtos ou servizos que ti vendes — ou moi similares — é esencial. Procura estas respostas en negocios que sexan referentes do teu sector. En negocios e marcas que fan o que a ti che gustaría facer. A isto chamámolo «gran dobre». Non se trata de copialo descaradamente. Pero tampouco de poñerse a inventar a roda. Do que se trata é de atopares o termo medio e podéreste inspirar no que outros fan ben e funciona.

Ademais, facer este exercicio sempre acaba desvelando aspectos do noso propio negocio aos que non estabamos a prestar suficiente atención. Compararnos axúdanos a mellorar e a ter unha consciencia máis clara do punto no que estamos.

3. Investiga a clientela

O teu negocio debe orientarse sempre, en calquera aspecto, pola clientela. Que necesitan as persoas que van entrar pola porta? Como as vas axudar? Para pensar na clientela, un exercicio moi útil é construir un buyer persona. Un buyer persona é un estereotipo de cliente ideal, onde se consideran non só as necesidades que o ligan directamente co noso negocio, senón tamén aspectos da súa vida que nos permiten descubrir, por exemplo, onde investir en publicidade de maneira máis efectiva. A maioría dos negocios teñen máis dun buyer persona.

Desenvolvelos permítenos adaptar a nosa oferta ao que realmente queren — que non é sempre o que estritamente necesitan. Así, poderás potenciar o que realmente funciona e desbotar aquilo que non nos dá beneficios. E, ademais, permitirache especializar a túa oferta e gañar referencialidade e unha clientela máis segmentada. Son todo vantaxes.

Se non sabes como elaborar o teu buyer persona, non te apures. No final do artigo déixoche unha ligazón para descargares de balde un workbook que te guía por este e outros pasos. Pero antes, continuemos cos 10 consellos.

4. Fai unha lista de necesidades

Este é un dos consellos que máis repito. Por que? Porque non te podes imaxinar a cantidade de veces que, ao iniciar un proxecto, a persoa que nos contrata non ten claro cales son as necesidades específicas que quere resolver.

Por exemplo, á hora de acondicionar o teu local, cal vai ser o espazo destinado á clientela? Que van facer as persoas cando entren no local? Como se van mover? A onde terán que chegar unha vez pasen a porta e como podemos mellorar ese fluxo?

Resumir todos eses datos nunha folla adiante moitísimo traballo na investigación previa que facemos para cada proxecto. E isto aforra tempo e diñeiro.

5. Pensa o espazo optimizándoo para o traballo

Relacionado co punto anterior, pero de maneira máis específica, hai que considerar sempre os postos de traballo que terá o negocio. Isto é, considerar as súas necesidades concretas, para determinar o deseño do espazo que terán arredor de si.

Do que se trata é de facilitar o traballo maximizando a comodidade non só de quen vaia traballar nesta ou naquela estación concreta, senón tamén pensando no acceso da clientela a ese punto concreto.

Nos deseños que realizo teño moi presentes estas cuestións. De feito, son unha das partes esenciais da investigación previa que leva cada proxecto. Pero ninguén coñece o teu negocio mellor que ti nin como maximizar a rentabilidade de cada zona de traballo.

6. Procura referentes estéticos

O deseño dos aspectos visuais dun negocio non debe responder aos gustos persoais de quen o promove, senón, en todo caso, aos gustos da clientela dese negocio. Ademais, existen unha serie de factores asociados a formas, cores e composicións que é necesario ter en conta na elaboración dun proxecto de interiorismo ou dunha identidade gráfica. Pero iso non significa que os teus gustos particulares non teñan ningunha importancia.

De novo, existe un termo medio en que, dentro das solucións que máis se adaptan ao negocio e á súa clientela, é posible achegarse aos teus gustos persoais. Por iso, é unha boa idea que procures diferentes estéticos. A internet ofrécenos cantidade de información visual que nos axuda neste exercicio. Ademais, á hora de deseñares o local do teu negocio, é sempre importante achegar referencias á interiorista, para que as teña en conta á hora de propor un proxecto.

7. Considera o deseño en función do teu produto ou servizo

Este é o outro consello básico. O obxectivo de calquera negocio é conseguir vendas. Xa sexa de servizos ou de produtos. E por iso o deseño debe estar orientado a visibilizar a oferta. E a potenciar as súas cualidades. A relación entre produto ou servizo e deseño é tan directa que se pode dicir que o primeiro define a maior parte do segundo.

E nisto hai que facer unha recomendación adicional: menos é máis. Os deseños moi elaborados acostuman a dar unha imaxe irreal do servizo ou produto. Isto acaba xerando unhas espectativas na clientela que non se ven logo cumpridas e xera frustración ou descontento. E ninguén quere iso, non é? Por tanto: coherencia. Coherencia entre o que ofreces ou vendes e o modo como o presentas. O deseño é a ferramenta para conseguires esa coherencia.

8. Fai unha estimación de investimento

Facer unha estimación do investimento que vas necesitar e das posibilidades que tes de poder facelo é fundamental. Por que? Poruque axuda a ter proxectos de deseño adaptados non só ás túas necesidades, senón tamén ás túas posibilidades. Aquí cómpre ser o máis realistas posible. E tamén ter en conta que, ás veces, as reformas profundas poden facerse por fases. Dependendo do caso, isto pode ser unha solución cando as necesidades son moitas e a capacidade económica non dá para todo.

9. Considera a túa identidade gráfica

Hai moitos negocios que encargan remodelacións de locais para establecerse, pero prestan cero atención á súa identidade gráfica. De novo, isto vén da tradición de considerarmos só negocios locais, onde a identificación se facía tradicionalmente de persoa (cliente) a persoa (propietaria). Pero hoxe o mundo comercial cambiou drasticamente e os negocios necesitan unha imaxe que os faga recoñecibles.

Cando falamos de identidade gráfica non nos referimos só a un logótipo. Este é un elemento importante, pero tampouco é o máis importante. A identidade constrúese con múltiples elementos que deben ir acompasados e ser coherentes. Non só entre si, senón tamén co interiorismo comercial do noso negocio. Dese modo, conséguese un todo unificado que mellora a proxección do noso negocio e o convirte en marca.

Un dos aspectos que distingue decorazul é, precisamente, integrar ambos mundos. Que significa isto? Que, como interiorista, traballo directamente con equipos de deseño gráfico, editorial, web, etc. para asegurar esa coherencia tan necesaria.

10. Atención aos cambios de tempada

Outra das cuestións a ter en conta é a posibilidade de que se produzan cambios estacionais ou de tempada no tipo de produto ou servizo que ofrecerá o teu negocio. Isto pasa moito en tendas de moda, por exemplo. Pero non só. Xa dixemos que o deseño ten que estar orientado 100% a mellorar a visibilidade e potenciar as cualidades dos produtos e servizos. Se eses produtos e servizos mudan porque muda a tempada ou porque chegan novidades que se incorporan ao noso catálogo, debemos ter un deseño que se adapte ás novas circunstancias.

Do que se trata, nestes casos, é de que a base do deseño permita facer cambios, campañas específicas, transformar escaparates, etc. Desde modo, conseguimos un interiorismo polivalente e, polo tanto, máis rendible.

Bonus track: o workbook de decorazul

Espero que estes consellos che teñan resultado útiles e que isto te leve a ter unha visión máis concreta do teu negocio. Tanto se estás a punto de crealo como se xa o tes e detectaches que necesita un cambio.

Para axudarche aínda máis a sentar as bases do teu negocio e a definir a mellor maneira de presentalo ao mundo, creei recentemente un workbook baseado nestes principios e noutras informacións adicionais. Trátase dunha guía paso a paso, esencial para mellorar aínda máis a túa visión do teu negocio. E podes descargala gratuitamente.

O workbook está pensado para que che sirva tanto se queres remodelar o teu local como se non. Ademais, se finalmente optas por facelo, será tamén unha ferramenta de grande utilidade para completar a investigación inicial.

Que esperas para solicitar a tua copia?

 

Encántame falar de interiorismo e encantarame falar do teu negocio.

Descobre como o método Decorazul axudarache a captar miradas e clientes cun interiorismo moderno e con arraigamento.

Asesoría gratuíta
Solicitar asesoría gratuíta
Decorazul
Ola, son Sabela. Escribe aquí a túa consulta e respondereiche de 9:00 a 19:00 h. En que podo axudarche?